Benvidos ao portal web do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Grazas en primeiro lugar por interesárense polo noso traballo. As posibilidades da rede permítennos hoxe chegar a calquera parte do mundo coa nosa mensaxe. Este é, xa que logo, o soporte máis axeitado para enviarlles o meu saúdo máis cordial como Delegada do Estado no Consorcio porque, desde a súa fundación en 1947, esta sempre foi unha institución aberta ao mundo. Primeiro, pola súa propia esencia de zona franca de comercio internacional e, despois, por ser unha axencia de desenvolvemento económico desta cidade, Vigo, que sempre se quixo presentar como «porta atlántica» desde a que recibir a todos os que queiran relacionarse cos mercados da península ibérica.
Quero aproveitar estas liñas para convidalos a coñecernos mellor. Se poden achegarse a vernos, sempre serán ben recibidos e, se pola distancia isto non for posible, déixenme presentarlles desde aquí o Consorcio e dicirlles que o ano pasado estaban instaladas nos nosos parques 350 empresas, que deron emprego a 18.025 persoas. Como seguimos traballando, temos solo dispoñible para os seus proxectos actuais e futuros. A nosa política é adecuármonos sempre ás súas posibilidades, buscando a mellor opción para vostedes, ben sexa en réxime de aluguer, de venda ou de aluguer con opción de compra. E se o que desexan é emprender unha nova empresa, nos nosos viveiros encontrarán a localización máis adecuada e un equipo de profesionais que lles proporcionarán todo o asesoramento necesario.
O noso obxectivo non é outro que fomentar a innovación e o tecido produtivo de Vigo e a súa área de influencia con todas as capacidades que están na nosa man. Nestas páxinas queremos amosarlles as vantaxes que ofrecemos aos empresarios e emprendedores para que escollan Vigo como o centro dos seus negocios. Nós apoiarémolos coas mellores instalacións, capital, información económica, formación e coñecemento.
Benvidos ao Consorcio, benvidos a Vigo.